20 marzo, 2013

O Costume


“O gran poeta que  escribiu este artigo é dos mais dilectos e admirados irmáns da Galiza.” Con estas verbas presentaba a redacción da revista A Fouce o artigo titulado O Costume (que hoxe reproducimos), autoría de Victoriano Taibo, e publicado o 15 de xuño de 1930 en Bos Aires (Arxentina). Daquela, Victoriano levaba dous meses instalado na Casa de Ulla,  exercendo como mestre en Morgadáns, e xa publicara as obras Abrente (1922) e Da vella roseira (1924); ademais dunha serie de colaboración en numerosas revistas, principalmente galeguistas.

16 marzo, 2013

Armonías do Nadal


Armonías do Nadal foi composta polo mestre de Morgadáns Victoriano Taibo no ano 1955. Conta o noso compañeiro Miguel Anxo Mouriño que Taibo participou no costume de enviar felicitacións de Nadal con tarxetas, dípticos ou opúsculos de autoría propia, co apoio doutros artistas amigos. Estas felicitacións chamáronse xenericamente nadais.
Rescatada e transcrita por Mouriño, reproducímola parcialmente e achegamos unha copia do orixinal.
Armonías do Nadal, así coa grafía en castelán, foi publicada un ano despois pola revista Vida Gallega. O debuxo é do pintor e ilustrador Xohán Ledo, pseudónimo de Ricardo García Suárez, médico de profesión.

Lembranza da tecedeira



O compañeiro do Instituto de Estudos Miñoranos, Antonio Valverde Alonso, máis coñecido, no Val, como Juan, fainos chegar este poema manuscrito de Victoriano Taibo. Ignacio Novás Piñas, fillo de Juan Novás Guillán a quen Taibo dedicou esta "Lembranza da tecedeira" agasallou a Juan, ou Antonio, con esta xoia.  O poema está asinado en Morgadáns o 15 de setembro de 1947. Foi publicado, co mesmo título, na revista Sonata Gallega II, no número extraordinario de 1949 en páxina non numerada. Posteriormente, en 1968, na revista El Museo de Pontevedra, nº 22, 1968, páxinas 127-130, co título lixeiramente alterado: "Lembranzas da Tecedeira".
Juan Novás Guillán, naceu no Grove en 1880 e morreu en Pontevedra en 1967. Foi considerado o Cronista desta cidade. Xosé Filgueira Valverde, a quen estaba moi unido persoal e politicamente (fixeron xuntos o camiño dende o Partido Galeguista pasando pola escisión da Dereita Galeguista ata a súa afiliación ao partido único da FET y de las JONS) pronunciou un discurso necrolóxico en abril de 1967, publicado no mesmo número da revista no que se recolle o poema de Taibo. Novás Guillén foi Inspector de Ensino Primario, posto ao que accedeu en 1944.