16 marzo, 2013

Armonías do Nadal


Armonías do Nadal foi composta polo mestre de Morgadáns Victoriano Taibo no ano 1955. Conta o noso compañeiro Miguel Anxo Mouriño que Taibo participou no costume de enviar felicitacións de Nadal con tarxetas, dípticos ou opúsculos de autoría propia, co apoio doutros artistas amigos. Estas felicitacións chamáronse xenericamente nadais.
Rescatada e transcrita por Mouriño, reproducímola parcialmente e achegamos unha copia do orixinal.
Armonías do Nadal, así coa grafía en castelán, foi publicada un ano despois pola revista Vida Gallega. O debuxo é do pintor e ilustrador Xohán Ledo, pseudónimo de Ricardo García Suárez, médico de profesión.





Armonías do Nadal (Victoriano Taibo, 1955) - Transcrición de Miguel Anxo Mouriño (IEM)


Alédate, alma, pois inda que hai neve
falto de lus, sorriso é o camiño;
e se o malvís non canta, a ponla espida
gard’ô trino que foi nas xemas novas.
Das olladas da lúa desprendéronse,
nun roxire de amor tremelocente,
as ferreñas que fremen pol-a altura
pestanexando ledas, porque os mozos
dinnos a panxoliña, e o corazón,
balando lenemente, é como un año
no còlo d’un pastor, en dòce oferta.
Non olles cara ô chan i o souto núo,
onde a neve se enlorda c’a enxurrada
No boscaxe do ceo, suidade e estrelas,
nun revoo de groria, hai niños de anxos
sempre a lembrarnos -¡leda primaveira!-
a cantiga de paz p’ra andar estradas.
Axiña chegaremos -¡alma, alédate!-
trasvirados de lus e de armonía,
â terra de David c’a enxebre oferta,
neste aceno eternal que por nòs chama
i este balbor de gaitas e de anxos,
regueiro manseliño.
Imonos, alma, e caian os meus ollos,
como chovisca de suidades ledas,
no bèrce humilde de Xesús Meniño

1.955V.Taibo