20 marzo, 2013

O Costume


“O gran poeta que  escribiu este artigo é dos mais dilectos e admirados irmáns da Galiza.” Con estas verbas presentaba a redacción da revista A Fouce o artigo titulado O Costume (que hoxe reproducimos), autoría de Victoriano Taibo, e publicado o 15 de xuño de 1930 en Bos Aires (Arxentina). Daquela, Victoriano levaba dous meses instalado na Casa de Ulla,  exercendo como mestre en Morgadáns, e xa publicara as obras Abrente (1922) e Da vella roseira (1924); ademais dunha serie de colaboración en numerosas revistas, principalmente galeguistas.




O gran poeta que  escribiu este artigo é dos mais dilectos e admirados irmáns da Galiza. Co gallo de que se lembre a miúdo de nós publicamos hoxe este artigo seu, tan suxerinte como fondo, na seguranza de que ha saber comprender a íntima afinidade con que agardamos decote as súas verbas.
A FOUC E

O Costume        
Para decatarse do que o costume significa, lembrémonos de que as leis que ordenan a vida interna dos pobos non son máis que o costume lexislado e sancionado pola autoridade; lembrémonos tamén de que o costume repetíndose a través do tempo, enxendra o que puideramos chamar agora, referíndonos  ás nacionalidades, o hábito racial; e pola derradeira, teñamos en conta que o hábito é unha segunda natureza que xera o carácter, a maneira de ser típica e orixinal.
Dos pobos tense dito moi atinadamente que son recadadiva, un repertorio de costumes.
Mais o costume non o escolle o pobo libremente; imponllo a terra onde mora, que val tanto como dicir que llo dona a Natureza mesma: un pobo non é pescador se non vive beira-mar, nin labrador se non ten terras axeitadas á labranza.
É unha teoría científica irrebatible, porque está confirmada polos estudos prácticos que a terra obra arreo encol do home impretándolle o seu selo peculiar; cuasi, as razas, son tan froito da terra en que viven como o vexetal que máis a caracterice. Hoxe o primeiro elemento xeográfico é o home, e a Xeografía non foi unha verdadeira ciencia deica que conseguiu demostrar e establecer este principio antropolóxico.
Non hai nin pode haber pobo sen costumes. Polo tanto, a raza que desbota os seus ten que adoptar os alleos.
E aquí estou eu. Pode unha raza desbotar os seus costumes e copiar os doutros pobos por seren mellores?
Na mesma pregunta vai choída a resposta. O pobo que fai deixamento dos elementos integrantes da súa vida convértese  nunha copia do alleo e perde in continenti o mellor que ten; a súa orixinalidade.
Só por este feito fica ante os demais pobos nun plano de inferioridade e de rebaixamento, que el mesmo acepta e recoñece libremente.
Ora, se os pobos teñen un carácter determinado só poderán cultivaren con vantaxe aqueles costumes que harmonicen co seu xeito, que estean de acordo coa súa estrutura espiritual e temperamental; pero amoldándoo ao xenio da raza, modificándoos deica imprimirlles o seu selo típico, para que deveña propio o que foi alleo na súa orixe.
Se os costumes non son afíns ou se ao pobo lle falta o poder de asimilación, convértese nunha copia vil do alleo, en parodia ridícula do que tratara de imitar: fica trocado nunha caricatura lamentable e lastimosa.
O sobredito dinos que os mellores costumes dos pobos son os que lle doou a Natureza, os que as xentes elaboran século tras século na mutua convivencia coa terra.
As máis das veces os pobos escuros e antipatriotas desbotan os seus costumes porque non souberon amalos que é a única maneira de conducilos á perfección; mais os pobos verdadeiramente civilizados e grandes son os que renden culto á súa tradición, son os que en público e privado,  na rúa e no fogar, fan das prácticas da súa raza unha relixión ateigada de fe e de virtudes patrióticas.
Os pobos incultos son os que desprezan a súa tradición, os que pretenden esquecer os seu costumes sen se decataren na súa inconsciencia, de que están arrancando, anaco a anaco, a alma da súa terra.
A Galicia lle non abonda ser. Temos todos os galegos que traballar arreo para que sexa na plenitude da súa vida propia, con todo o que é seu, con todo o que a distingue e caracteriza, para que poida destacarse entre o concerto dos pobos civilizados pola súa rexa e definida personalidade.
“En cada roca seu fuso, en cada terra seu uso”.
Compostela.
 (Transcrición de Miguel Anxo Mouriño (IEM))

Facsímil O Costume en jpg.



Ningún comentario:

Publicar un comentario